Friday 29 de March de 2024

A Autoridade Portuaria comunica ao Concello a súa intención de rematar o proxecto de reparación da vía do Faro Vilán


· O novo presidente, Martín Fernández Prado, explicoulle hoxe a Sandra Insua e a Sergio Caamaño que só restan os últimos detalles para rematar a redacción do proxecto e que salga a licitación.

· Cando rematen os traballos firmarase un convenio polo que o Concello asumirá a titularidade da vía.

A Autoridade Portuaria comunicoulle ao Concello de Camariñas a súa firme intención de acelerar a finalización da redacción do proxecto para executar a reparación da estrada que vai desde Camariñas ata o Faro Vilán.

Así llo explicou hoxe o novo presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, á alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e ao primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, nunha reunión mantida na Coruña na que constataron que só restan os últimos detalles para rematar o proxecto e poder sacalo a licitación.

Ademais, no encontro confirmouse a intención de ambas partes de que, cando rematen as obras, se firme un convenio de cesión polo que o Concello asumirá a titularidade da vía.

A alcaldesa, Sandra Insua, agradeceu o “bo recibimento que nos deu o novo presidente” e expresou o seu desexo de que “se acelere o proceso para poder ter canto antes nas mellores condicións o acceso ao Faro, que é un símbolo de Camariñas e sempre atrae a un número elevado de turistas”.